Circular informativa Seguro Deportivo 6-16 XOGADE

Ante as numerosas incidencias que estamos tendo co seguro de Xogade queremos comentarvos as seguintes cuestións e as súas respectivas solucións para que este servizo funcione correctamente.

1) DEPORTISTAS NON INSCRITOS QUE ACODEN AO SEGURO DE XOGADE:

A aseguradora avísanos de deportistas que non están inscritos na aplicación de Xogade e comunican accidentes. Isto pode deberse a dúas circunstancias:

  • pode ser que non lles corresponda este seguro, co conseguinte trastorno, xa que a aseguradora autoriza a primeira asistencia. Para estes casos pregamos que informen convenientemente sobre que seguro está asociado a cada licenza (de feito unha das obrigas ao adherirse a este seguro é que esta información conste na licenza), con especial insistencia naquelas categorías que cambian do seguro de Xogade ao seguro contratado pola federación. Sabemos que se fai pero por algún motivo a mensaxe non cala o suficiente.

  • a segunda casuística é que teñan licenza federativa pero aínda non estean inscritos en Xogade. Pregamos que revisen as inscricións e comproben que coincide o número de licenzas vixentes co número de inscricións na aplicación de Xogade. Asegúrense tamén, porque é frecuente, de non ter un mesmo deportistas inscrito dúas veces.

2) DESCOÑECEMENTO DO PROTOCOLO DO SEGURO DE XOGADE:

Por outra banda, nas conversas que temos con familias e con entidades que teñen problemas con seguro, detectamos que aínda a día de hoxe hai un certo descoñecemento do protocolo

Aínda que pola nosa banda faremos unha comunicación ás entidades, insistimos en que fagan o posible porque todos os vosos clubs coñezan o protocolo, teñan acceso aos seus deportistas na aplicación, manteñan os datos de contacto actualizados e, sobre todo, que informen a todos os implicados do protocolo do seguro, tantos os técnicos, como as familias e, chegada certa idade, os propios deportistas.

3) ASISTENCIAS NO SERGAS NON CUBERTAS:

Para rematar, sabemos que somos moitos e que moitos o fan ben pero debemos insistir pola alta incidencia de asistencias no Sergas, certificacións de accidente fóra de prazo, entre outras casuísticas relacionadas co servizo público de saúde.

Recordamos que o seguro deportivo de Xogade ten unas especificacións e unha cobertura determinada que debe respectarse. En caso contrario, cabe a posibilidade que o SERGAS facture ás propias familias polo que pregamos sigades as nosas instrucións.

Agradecendo que teñades a ben estas cuestións, quedamos á vosa disposición para o que precisedes e recordamos que toda a información do seguro de Xogade está publicada en aberto na portada da aplicación de inscricións do programa: https://inscricion-xogade.xunta.gal/

Comparte