Interpretación excepcións ás restricións de mobilidade (deporte federado)
Publicamos a información que acaban de enviar dende a Subdirección Xeral de Plans e Programas da Secretaría Xeral para o Deporte, sobre as excepcións ás restriccións de mobilidade:
Na data do 5 de novembro de 2020 na reunión mantida entre a Secretaría Xeral para o Deporte e as Federacións Deportivas de Galicia, analizouse a aplicación do Decreto 179/2020, do 4 de novembro, do presidente da Xunta de Galicia, polo que se adoptan medidas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria, na condición de autoridade competente delegada no marco do estado de alarma declarado polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2.
Deste xeito trasladouse a interpretación relativa ás excepcións ás restricións de mobilidade impostas con relación ao deporte federado, baixo os principios de excepcionais, en todo caso xustificadas e baixo un criterio de responsabilidade.
Ao obxecto de evitar os posibles perxuízos a deportistas por unha interpretación incorrecta das excepcións previstas, trasládanse novamente os criterios xustificados e obxectivos que permiten excepcionar as restricións de mobilidade:
-
Quedan exceptuados de tales limitacións aqueles desprazamentos, adecuadamente xustificados, que se realicen en cumprimento de obrigas laborais e profesionais, conforme o disposto na letra b) do número 3 do punto primeiro do Decreto 179/2020, do 4 de novembro, e na letra d) do número 1 do artigo 5 do Real decreto 926/2020, do 25 de outubro.
- Con relación a “Calquera outra actividade de análoga natureza, debidamente acreditada”, previsto na letra k) do número 3 do punto primeiro do Decreto 179/2020, do 4 de novembro, e na letra h) do número 1 do artigo 5 do Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, considéranse xustificados os desprazamentos para a realización dun adestramento vinculado á participación nunha competición incluída no calendario oficial da correspondente federación deportiva e/ou pola participación nunha competición deste tipo. Neste suposto deberase de acreditar:
- Que non existan alternativas de realización do adestramento e/ou da celebración da competición nun ámbito territorial que non exixa un desprazamento afectado polas limitacións á liberdade de circulación vixentes.
-
Que o desprazamento se realice por algunha ou algunhas das seguintes persoas:
- Por persoas deportistas federadas de alto nivel, de alto rendemento deportivo ou incluídas en programas de tecnificación e rendemento deportivo, recoñecidas polo Consejo Superior de Deportes ou pola Secretaría Xeral para o Deporte.
- Por outras persoas deportistas federadas, respecto de competicións de ámbito estatal ou de ámbito autonómico non profesional cun calendario aprobado para a tempada 2020/2021.
- As persoas técnicas ou adestradoras das persoas deportistas incluídas nos apartados anteriores.
- Que a persoa que se desprace porte, durante o desprazamento, un certificado da correspondente federación ou club deportivo federado onde se certifique a condición do/a deportista e a causa da exención ás restricións de mobilidade.
En relación co exposto, as consecuencias que se deriven de calquera outra interpretación e a emisión dun certificado habilitando outros supostos de excepcións non contemplados, con relación ao deporte federado, será responsabilidade da persoa/entidade asinante.